Cabanas impulsa un intercambio cultural con municipios de Italia, Portugal e Letonia

Galego

Unhas 40 persoas das diferentes delegacións viaxarán a Cabanas como primeiro paso para traballar nun irmanamento entre localidades

Cabanas, 12 de febreiro de 2019. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá da participación do municipio no programa “Europe for Citizens”. A través do mesmo, esta semana impulsará un intercambio cultural con localidades de Italia, Portugal e Letonia. Unhas 40 persoas –alcaldes e representantes do tecido asociativo- da illa de Cerdeña, de Freguesía de Buarcos e San Juliao e Auce desprazaranse ata Cabanas para participar nun completo programa de actividades cuxo último obxectivo é establecer un irmanamento entre as localidades participantes. E, nese contexto, a visita desta semana será un primeiro paso para traballar no proxecto.

O programa da visita arrancará este mércores 13 de febreiro. Ás 10 horas, o alcalde e membros da corporación local darán a benvida aos representantes dos municipios lusos, italianos e letóns. A continuación, a casa consistorial será o escenario onde todos eles aborden o proxecto de irmanamento. Pola tarde realizarán unha visita a diferentes puntos de interese turístico de Cabanas e tamén manterán un encontro con Cabanas Rural Asociación de Mulleres. Ao día seguinte, xoves 14, a delegación desprazarase a Santiago para, pola mañá, visitar o Parlamento de Galicia e, pola tarde, espazos tan emblemáticos como a Catedral ou a praza da Quintana. O venres arrancará cunha visita ás Fragas do Eume e, xa pola tarde, está prevista a celebración dunha cerimonia de intercambio cultural, a partir das 16 horas no salón de plenos. O sábado concluirá o programa oficial cun percorrido polos los principais recursos turísticos da cidade de Ferrol.

Nesta liña, o rexidor apunta que nas xornadas buscarase o intercambio de experiencias a nivel económico, político, social e cultural, principalmente, co ánimo de aprender doutras localidades e implantar proxectos novidosos no termo municipal. Non só iso, outro dos obxectivos pasa por formalizar intercambios a nivel cultural, empresarial, industrial, educativo e dar a coñecer os recursos turísticos entre concellos para favorecer a promoción no marco territorial dos mesmos.

 

Tags: