O Concello organiza este venres unha charla sobre educación na disciplina positiva

Galego

Terá lugar no PAI das Viñas, con entrada de balde, pero inscrición previa

Cabanas, 12 de febreiro de 2019. Baixo o título “¿Queres educar con firmeza e cariño?”, o Concello de Cabanas organiza este venres 15 de febreiro unha charla informativa sobre crianza e educación emocional dende a disciplina positiva. Celebrarase no Punto de Atención á Infancia das Viñas, entre as 16,30 e as 17,30 horas, con entrada de balde pero inscrición previa.

Para anotarse, as persoas interesadas deben facelo chamando ao departamento municipal de Servizos Sociais -981 49 59 59 ext.6-. A charla enmárcase no programa municipal de acción social coas familias e, máis concretamente, no proxecto Tempo de Familias. Será impartida por Laura Balado, educadora certificada en disciplina positiva e con ampla experiencia profesional no campo da educación e da familia. Na mesma, as persoas participantes poderán descubrir e comezar a aplicar a metodoloxía da disciplina positiva na educación dos seus fillos e fillas.

Por último, dende o Concello sinálase que, en caso de demanda, realizaranse máis obradoiros sobre esta materia, aínda que de carácter máis práctico.