O Concello de Cabanas aproba uns orzamentos por 2,7 millóns para o 2019

Galego

O alcalde, Germán Castrillón, explica que a cifra medrará ata os 5,9 millóns coa incorporación dos fondos procedentes doutras administracións, convertíndose nos orzamentos máis altos da historia do municipio

Cabanas, 3 de xaneiro de 2019. Cabanas deu a benvida ó 2019 cos orzamentos para este ano aprobados en pleno. Unhas contas que establecen uns ingresos e gastos de 2.753.059 euros, fronte ós 2.687.533 euros do 2018. Unha cifra esta que, segundo explicou o alcalde, Germán Castrillón, medrará ata os 5,9 millóns, unha vez incorpore os investimentos procedentes doutras administracións, convertindo estes orzamentos nos máis inversores da historia de Cabanas. Unhas contas con débeda cero que buscan consolidar e ampliar servizos mantendo o seu carácter social e participativos, por canto tentan dar resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza nas reunións celebradas a finais de ano nas parroquias e tamén incorporar na medida do posible as propostas dos partidos con representación municipal.

En sesión extraordinaria, o pleno daba luz verde ós orzamentos o pasado luns, 31 de decembro. O alcalde explicaba que, un ano máis, e seguindo a liña de exercicios anteriores, a prudencia marcará o capítulo de ingresos, deixando marxe suficiente para que a finais do 2019 se cumpran con creces as previsións. Así, mantéñense as taxas e continuarase traballando para xestionar con outras administracións os investimentos que o Concello precisa para evitar subir os impostos.

En relación ó capítulo de gastos, sinalaba que no 2018 cubríase definitivamente a praza da Animadora Cultural e Actividades Recreativas, a de Técnico de Emprego e Desenvolvemento Económico, así como a segunda praza de Policía Local, estando pendente da súa incorporación unha vez supere o curso na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A partir de aí, a intención é continuar consolidando o resto de prazas interinas, contando sempre co consenso da mesa de persoal, e dar continuidade ó programa de formación e perfeccionamento. 

En Servizos Sociais, o Concello continuará apostando por programas e servizos fundamentais para a conciliación da vida familiar e laboral. Será a través de programas como “Mencer na Escola”, o programa “Acción Social coa Familia, Mocidade e Infancia” ou “Concilia Verán” e servizos como o Punto de Atención á Infancia. Así mesmo, este 2019 será un ano decisivo na execución de novos proxectos como “Cabanas Cidade Amiga da Infancia”  ou o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2018-2021. Nas accións dirixidas ó colectivo da Terceira Idade, Cabanas volverá a apostar por proxectos como os obradoiros de Envellecemento Activo, o Club +60, Memoria dun Século e A Fía da La “Da Ovella o Calcetín”. Todos eles, cuns niveis de participación e aceptación moi positivos. Os orzamentos non se esquecen tampouco dos colectivos máis vulnerables e, para garantir as súas necesidades máis básicas, destinan 4.000 euros á partida de Emerxencia Social, incrementando así a cuantía do 2018 e coa vista posta en aumentala ó longo do exercicio se así fose necesario.

No tocante ó Emprego e Formación, Cabanas liderará un obradoiro de emprego cos concellos de Pontedeume e Monfero e participa noutros dous cos municipios de Ares, Mugardos, Fene e Neda para a mellora das oportunidades laborais e formativas dos veciños e veciñas. Proxectos que financia  a Consellería de Economía Emprego e Industria. Así mesmo, grazas tamén á política de cooperación municipal, Cabanas disporá do Servizo de Orientación Laboral compartido cos concellos de Pontedeume e Vilarmaior. A maiores, os orzamentos contemplan unha partida de 4.000 euros para formación e para sufragar a aportación municipal que habitualmente se esixe nas subvencións que proceden da Deputación e da Xunta nesta materia. E, finalmente, amplíase a partida para cursos e conferencias ata 4.000 euros para as dúas aulas habilitadas no antiga consistorial: a aula multimedia e a aula social.

Na área de Cultura, os orzamentos son fieis á política de continuar fomentando e promocionando as actividades culturais, reforzando os vínculos co movemento asociativo e complementando a oferta. Así, no 2019 vólvese a incrementar a partida correspondente ás subvencións e convenios, dotándoa de 29.000 euros.

En materia de Deportes, Cabanas continuará ofrecendo á veciñanza unha programación estable, traballando co afán de ampliala e afondar na colaboración directa e fluída cos clubes, especialmente na  organización de actividades que se teñen convertido en auténticos referentes na comarca. Ademáis, prestarase especial atención a todas aquelas actividades deportivas que teñan por escenario os privilexiados espazos naturais do municipio, favorecendo así a súa promoción.

Na área de Turismo, o Concello seguirá concentrando os seus esforzos en consolidar Cabanas como destino de primeiro nivel. Recursos non faltan e, esa materia prima, débese completar cunha programación á altura e unha necesaria divulgación da oferta. Confiando en que o traballo realizado neste últimos años co programa “Cabanas A Fraga Feita Mar” e a sinalización turística e potenciación do Camiño Inglés ó seu paso por Cabanas dean os seus froitos no ano que entra, as aspiracións municipais pasan por lograr a declaración para Cabanas de Concello Turístico, o que abriría moitas portas en materia de financiación. Profundizar na desestacionalización do turismo tamén é unha meta para este ano e para conseguila, amáis de apostar por proxectos xa consolidados como “Tapeando Cabanas”, o Concello planteará novas iniciativas.

Mantéñense tamén as partidas consensuadas en anos precedentes para o capítulo de reparacións, mantemento e conservación de infraestruturas e bens naturais. 30.000 euros que permitirán avanzar no plan municipal de mellora e posta en valor das fontes e lavadoiros municipais e a de suministros de repostos de maquinaria, utillaxe e outros fíxase en 7.000 euros.

Os orzamentos tamén contemplan partidas abertas para completar subvencións que esixen de aportación municipal –como o Plan de Achega da Deputación- e varias partidas para sufragar outros proxectos pechados que cofinanciará o Concello con outras administracións. Entre eles, 38.400 euros para o convenio que se firmará coa Consellería de Medio Ambiente e Vivenda para o proxecto de “Humanización da Rúa da Baixo e Palacio” valorado en máis de 127.000 euros.  Resérvanse tamén 20.000 euros para actuacións de mellora no Rural; 8.000 euros para completar unha axuda en materia de parques empresariais; 2.000 euros para o acondicionamento de marquesinas e 1.000 euros para a adquisición, renovación ou arranxos de equipos informáticos. Outros 5.000 euros destinaranse a diferentes intervencións de acondicionamento en edificios municipais culturais, idéntica partida para a mellora de instalacións deportivas. E, finalmente, 72.946 euros dirixiranse a proxectos de infraestruturas viarias.

Tags: