O Concello de Cabanas abre este luns o prazo de inscrición nas súas escolas deportivas e culturais para nenos e maiores

Galego

As concellerías de Cultura e de Deportes ofrecen unhas corenta actividades para o curso 2018-2019 que darán comezo en outubro

Cabanas, 31 de agosto de 2018. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición nas Escolas Municipais Culturais, Deportivas e de Música para nenos e adultos. Como é habitual, neste curso, as Concellerías de Cultura e de Deportes volven ofrecer novas propostas que, de reunir un número mínimo de participantes, formarán parte xa do calendario para o curso 2018-19. En total, a programación deseñada polo Concello inclúe unhas corenta actividades.

As deportivas e culturais para as persoas adultas son: ximnasia ó aire libre, ximnasia terapéutica, ximnasia de mantemento, ximnasia pélvica e hipopresiva, pilates, ioga, tenis, pádel, tai chi, zumba, canto coral, corte e confección, pintura, bolillos, inglés e xadrez. Así mesmo, para nenos e nenas, as actividades deportivas e culturais son: deporte ó aire libre, atletismo, pádel, psicomotricidade, predeporte, multideporte, judo, baile urbano, patinaxe, teatro, inglés, manualidades e xadrez. Por último, a programación da Escola de Música incluirá clases de: iniciación á música, linguaxe musical e harmonía, piano, guitarra, violonchelo e coro. Para todas as idades, excepto iniciación, que é para nenos e nenas. As persoas interesadas en participar deben cubrir a ficha de inscrición e entregala no departamento municipal de Cultura e Deportes. O prazo abrirase este luns, 3 de setembro, ás 9 horas, e remata o día 19 ás 14 horas. Así mesmo, a documentación pode descargarse da web municipal –www.cabanas.gal- e debe entregarse no Rexistro Xeral da casa consistorial ou presentarse vía telemática. Aqueles interesados en obter máis información teñen á súa disposición o teléfono 981 49 59 59 ext.3.

Germán Castrillón avanza que a intención do Concello é iniciar a programación a primeiros de outubro. Para a posta en marcha das propostas requerirase dun número mínimo de participantes e terán preferencia as persoas empadroadas.

Precisamente a veciñanza de Cabanas ten bonificacións nas taxas. Tamén as familias numerosas, aquelas con escasos recursos e nas que tres ou máis membros tomen parte da programación. En casos excepcionais, e con informe dos Servizos Sociais, esa bonificación poderá ser parcial ou total.

Por último, sinalar que, como é habitual, as actividades, segundo o caso, terán por escenario os locais sociais de Santa Cruz, Laraxe, As Viñas, o Apeadoiro, pavillóns de Lavandeira e San Martiño do Porto, instalacións do CEIP Eladia Mariño, e Área Recreativa da Veiga, así como diferentes espazos ó aire libre do municipio.

Dende o Concello invítase á veciñanza a formalizar a súa inscrición e tomar parte da programación municipal.