Cabanas e Pontedeume alíanse na posta en marcha dos Martes Urbanos, cunha morea de obradoiros para a mocidade

Galego

O programa arrancará o día 17 de xullo e estenderase ata agosto e tan só é preciso inscrición previa para o taller de radio “Tol@s polo micro”

Cabanas, 6 de xullo de 2018. Os concellos de Pontedeume e Cabanas, no marco do proxecto conxunto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas cofinanciado pola Consellería de Sanidade, presentan “Martes Urbanos”, unha iniciativa innovadora de cultura urbana, dirixida á mocidade, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto.

Non é preciso inscrición previa, agás no obradoiro de radio “Tol@s polo micro”, onde as prazas están limitadas a 15 e no que os mozos e mozas poderán xerar un programa radiofónico de xeito colaborativo. Para anotarse, hai que chamar ó teléfono 981 43 32 88.

O programa inclúe unha serie de obradoiros: parkour park (17 de xullo); graffiti máis pintado de gorras (24 de xullo); skate park máis BMX (7 de agosto); parkour Street Workout (14 de agosto) e Festival Cultura Urbana (21 de agosto). Todos eles, no entorno da alameda de Pontedeume, de 20 a 23 horas.

O principal obxectivo é ofrecer ó colectivo xuvenil a posibilidade de participar activa e socialmente en diferentes actividades que favorezan o seu desenvolvemento integral mediante a formación e expresión artística, o ocio activo e a integración social a través da Cultura Urbana.

Image: 
Tags: