Máis de 1.600 ‘ecohostaleiros’ súmanse ó proxecto de Medio Ambiente para fomentar a reciclaxe de envases no sector

Galego

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou a iniciativa esta mañá en Cabanas, un dos últimos municipios en adherirse e o primeiro que o fai na comarca de Ferrolterra

Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes para buscar a adhesión voluntaria dos concellos co obxectivo de fomentar unha maior e máis axeitada reciclaxe dos envases en orixe entre os seus establecementos de hostalaría, restauración e ‘catering’

Esta campaña complementa a iniciativa ‘EtiDeQuenVesSendo’ para chegar ás 50.000 toneladas de vidro recicladas no ano 2020 e enmárcase nunha estratexia global a prol da reciclaxe a través da implicación da sociedade en xeral

Cabanas, 3 de xuño de 2018. Máis de 1.600 establecementos de hostalaría pertencentes a 39 concellos das catro provincias colaborarán co proxecto impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para fomentar neste sector unha separación e reciclaxe máis eficaz dos seus residuos.

Xunto ó alcalde, Germán Castrillón, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou esta mañá na presentación da iniciativa no concello de Cabanas, o primeiro municipio da comarca de Ferrolterra en incorporarse ao proxecto e un referente na contorna polo seu potencial turístico e hostaleiro, e nos que xa están adheridos 30 establecementos. Así, Mato Otero lembrou que o pasado ano Cabanas recuperou unha media de 14 quilos de envases por habitante, cifra que aspira a seguir mellorando e que supera xa de forma notable a media de Galicia, que foi de 10,5 quilos.

O chamado proxecto Horeca é unha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración con Ecoembes e aberta a todos aqueles concellos e entidades locais que se queiran adherir de xeito voluntario. O obxectivo é fomentar a participación da hostalaría na recollida selectiva municipal de envases cunha dobre finalidade: a formación e a profesionalización do sector neste sentido, e o incremento das taxas de achega de envases lixeiros e a diminución da porcentaxe de impropios.

A conselleira, que tamén estivo acompañada polo xerente de xestión local e autonómica de Ecoembes, Fernando Blázquez, explicou que nunha primeira fase da iniciativa, realizouse un inventario de establecementos en Galicia pertencentes ao canal Horeca (hoteis, restaurantes, cafetarías e catering) co obxectivo de rexistrar as súas necesidades en materia de reciclaxe. Nesta fase sumáronse xa os concellos de Santiago, Curtis, Santa Comba e Laxe, na provincia de A Coruña; a Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas); Marín, Salceda de Caselas e As Neves en Pontevedra; a cidade de Ourense e os concellos de Allariz, Ribadavia, O Carballiño, Xinzo de Limia, A Rúa, Verín e A Gudiña, na provincia ourensá; e Ribadeo, Foz, Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba, en Lugo. En total, adheríronse 899 establecementos.

Máis recentemente, tamén teñen amosado o seu interese no proxecto, ademais de Cabanas, Pontedeume, Cedeira, Melide, Ribeira, Carballo e Padrón, todos eles na Coruña; Burela, Barreiros e Lugo; O Barco de Valdeorras; e Sanxenxo, Barro, O Grove e Cambados, en Pontevedra. Nestes concellos estímase nuns 745 a cifra de locais participantes.

Deste xeito, unha vez completada a análise da situación e das necesidades en cada concello de forma individual, entre as accións previstas no proxecto figura o reparto dun total de 1.450 colectores de envases así como a realización de medidas formativas dirixidas a converter aos profesionais dos establecementos adheridos en auténticos ecohostaleiros.

Estratexia global a prol da reciclaxe

O proxecto Horeca, en todo caso, non é a única iniciativa no eido da reciclaxe que se está a impulsar desde a consellería senón que forma parte dunha estratexia global. Así, recentemente púxose en marcha a campaña EtiDeQuenVesSendo, coa que se pretende chegar no ano 2020 á reciclaxe de preto de 50.000 toneladas de vidro, un obxectivo no que a participación do sector hostaleiro tamén é moi importante tendo en conta que é o responsable de case o 51% dos residuos deste tipo que se xeran.

Segundo explicou a conselleira, a cultura a favor da reciclaxe, tanto do vidro como doutros materiais, ten notables beneficios para o medio ambiente, xa que aforra enerxía, reduce as emisións de CO2, evita a extracción de materias primas e sobre todo, ofrece unha nova vida útil aos residuos, converténdoos de novo en recursos e contribuíndo así a que se cumpra a máxima principal da economía circular.

Outras liñas de colaboración

O proxecto Horeca forma parte dunha estratexia máis ambiciosa de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o sector da hostalaría, un dos que máis peso ten na economía galega e cuxa actividade xera grandes consumos de enerxía e auga e altas emisións de gases efecto invernadoiro. Por este motivo, a conselleira subliñou a importancia de favorecer a implantación de condutas que fomenten a sustentabilidade entre hostaleiros e restauradores, un sector profesional, recalcou, “cun alto nivel de concienciación”.

Neste sentido, agradeceu tamén a colaboración dos establecementos deste sector na iniciativa piloto impulsada polo seu departamento a finais do ano pasado para fomentar a redución do desperdicio alimentario, un tipo de residuo que no ano 2030 a Unión Europea pretende reducir nun 50%. Así, a través dun convenio subscrito coas asociacións de empresarios de hostalería das catro provincias, o proxecto ofrece aos clientes dos locais adheridos a posibilidade de levar a comida non consumida nuns recipientes biodegradables e reutilizables, para garantir o seu aproveitamento posterior nos seus fogares.

Nesta mesma liña, enmárcase tamén a guía de recomendacións para reducir o desperdicio alimentario que lanzaron hai uns meses a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, un compendio con cinco sinxelas recomendacións para evitar que a maior parte da comida que compramos acabe no lixo.

Image: