Aberto o prazo de matrícula para o novo alumnado do PAI das Viñas

Galego

Os trámites deben formalizarse antes do 6 de xullo, incluído

Cabanas, 26 de xuño de 2018. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos Sociais, informa de que o prazo de matrícula no Punto de Atención á Infancia das Viñas está aberto para o alumnado que entra por primeira vez no centro. Así, as familias deben formalizala na casa consistorial antes do 6 de xullo (incluído).

Como cada ano, o PAI comezará o curso coas 20 prazas cubertas, xa que no periodo de preinscrición, xa finalizado, a demanda superou a oferta e abriuse unha lista de agarda para recurrir a ela en caso de posibles baixas. Unhas cifras que constatan que o servizo se ten consolidado como un recurso fundamental no municipio para a conciliación da vida persoal e laboral das familias.