Concello e Cabanas KDM reeditan a súa aposta por “Cabanas, Ocio Activo”

Galego

O programa inclúe rutas en kaiak, sendeirismo, combinadas ou paddle board, adaptándose ós gustos e preferencias dos usuarios

Cabanas, 22 de xuño de 2018. Concello e Club Cabanas KDM reeditan a súa aposta polo programa “Cabanas Ocio Activo”. Un programa que permite descubrir ou reencontrarse coas paraxes máis fermosas da localidade, centrándose especialmente nas Fragas do Eume. E facelo a través de rutas en kaiak, rutas de sendeirismo ou por medio da proposta estrela: a modalidade combinada. Ademais, e dado o éxito da edición anterior, repítense as rutas de paddle board.

Non hai límites de idade para facelas. De forma individual, en familia ou en compañía de amigos e, o único requisito, é saber nadar no caso de optar polas rutas en kaiak. Horarios e datas prográmanse a demanda de quen o solicita, co cal non hai excusa para non sumarse a esta novidosa proposta.

As rutas en kaiak que propón “Cabanas Ocio Activo” permiten que cualquer persoa, dende a máis experimentada ata a máis novata, poida deseñar a súa particular aventura dun xeito seguro. Transcorren polo río Eume e a ría de Ares e, durante o traxecto, os participantes van acompañados de embarcacións de apoio e os consellos constantes dos diferentes monitores.

As rutas de sendeirismo están guiadas por monitores experimentados que, xunto aos participantes, trazan previamente traxectos personalizados a gusto e condicións físicas dos usuarios. Camiñatas para descubrir un dos espazos de maior beleza e valor histórico como son as Fragas do Eume.

E, sumando unha e outra, as rutas combinadas. Experiencias únicas en pleno contacto coa natureza.

Tags: