O Concello promove a Ruta Sendeiros de Silencio-Ladeiras de Auga

Galego

Abre o prazo de inscrición na andaina guiada por este itinerario de 9 quilómetros, dificultade moderada e participación gratuíta

Cabanas, 12 de xuño de 2018. O calendario de rutas que cada mes organiza o Concello de Cabanas para dar a coñecer o seu rico patrimonio natural e arquitectónico propón en xuño unha interesante andaina guiada polos Sendeiros do Silencio-Ladeiras de Auga. Como é tradición, celebrarase o último sábado de mes, día 30, e partirá do pavillón de deportes de Lavandeira sobre as 10 horas (quince minutos antes haberá unha quedada na casa consistorial para aqueles que non saiban chegar a este punto). O prazo para tomar parte xa está aberto na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial-, enviando un correo electrónico ó enderezo cultura@cabanas.gal ou no teléfono 981 49 59 59 extensión 3. O prazo concluirá o martes 26 e a participación é completamente gratuíta.

A ruta comezará por un tramo de estrada ata Xicos. Tras superar o núcleo rural, os participantes adentraranse por un carreiro de carros que os levará por unha zona cuberta de arboleda. Cedo, o camiño pasará a converterse en sendeiro e, dende alí, o silencio será un dos principais acompañantes da ruta, só interrompido polo canto dos paxaros e o murmullo da auga. Chegarase ata o misterioso río Belelle e regresarase enlazando con outro sendeiro que recuperará de novo o cauce fluvial, ata chegar ós límites do Concello co municipio veciño de Fene. Chegados a Xicos tomarase unha pista forestal que, nun dos treitos, guiará ós camiñantes por unha pequena ladeira pola que baixarán pequenos regatos. De aí, ata ó punto de partida. Nove quilómetros de dificultade moderada, sen pasos complicados e desnivel de 183 metros.

Image: 
Tags: