O Concello de Cabanas abre a inscrición no programa municipal Cabanas Concilia

Galego

Está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2014

Se hai demanda arrancará xa este mes de xuño e prolongarase ata o 7 de setembro, con actividades de luns a venres de 9 a 14,30 horas

Cabanas, 5 de xuño de 2018. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos Sociais, abriu hoxe, 5 de xuño, o prazo de inscrición no programa municipal Cabanas Concilia. Un proxecto para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Cabanas con nenos menores durante as vacacións escolares. En caso de demanda, arrancará xa o 25 de xuño, nada máis rematar as clases, e prolongarase ata o 7 de setembro.

Celebrarase de luns a venres de 9 a 14,30 horas e os seus destinatarios, nenas e nenos nados entre os anos 2006 e 2014. Entre as propostas, celebraranse xogos populares e alternativos; teatro con iniciación a técnicas de expresión corporal e dramatización, contacontos, ritmo, baile, e obradoiros de manualidades e aula de natureza e reciclaxe para traballar a psicomotricidade e a creatividade, así como o respecto polo medio.

O programa está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e celebrarase principalmente no Apeadoiro, aproveitándose outros espazos como o piñeiral, a praia ou o parque para a realización de actividades ó aire libre.

Servizo Madrugadores

Así mesmo, se se reunise un grupo mínimo de cinco participantes, ofreceríase tamén o servizo de Madrugadores, a través do cal nenos e nenas poderían entrar ás 8,30 horas e almorzar xa nas instalacións municipais. Iso si, terían que traelo da casa.

Así, as familias interesadas en formalizar a inscrición deben facelo presentando a documentación no Rexistro Xeral Municipal (a solicitude –pode retirarse nas oficinas xerais ou descargarse da web-; copia do DNI da persoa solicitante; copia do DNI ou Libro de Familia do/a neno/a participante; copia da tarxeta sanitaria do/a neno/a participante). Así mesmo, terán prioridade aquelas familias con menos ingresos e os/as empadroados/as no Concello.

O prezo por mes é de 65 euros; 40 por quincena e 15 euros do 26 ó 30 de xuño e 15 euros do 1 ó 7 de setembro.