O Concello de Cabanas organiza unha ruta de sendeirismo seguindo o curso do río Ventín

Galego

Aberta a inscrición na andaina para este mes de maio

Cabanas, 16 de maio de 2018. O Concello de Cabanas vén de anunciar o itinerario da ruta de sendeirismo prevista para este mes de maio. Nesta ocasión, seguirá o curso do río Ventín e permitirá ós participantes disfrutar de fermosos sendeiros e incribles vistas. Inclúese no calendario de rutas que, cada mes, promove o Concello a través da Concellería de Deportes para dar a coñecer o rico patrimonio natural e arquitectónico do municipio. Así, a ruta celebrarase o 26 de maio, con saída da casa consistorial ás 10 horas.

Trátase dunha ruta de 10 quilómetros e dificultade moderada cun tempo estimado de tres horas. Partindo da consistorial, atravesará o lugar de Lousido ata alcanzar o Camiño Inglés ó seu paso polo municipio e, seguindo este, chegarase ata a Pedra do Couto. Dende aí, descenderase ata a parroquia de Laraxe para bordear o río Ventín. Tomado este xa non se perderá de vista o curso do río.

As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial-, enviando un correo electrónico ó enderezo cultura@cabanas.gal ou no teléfono 981 49 59 59 extensión 3. O prazo concluirá o xoves 24. A participación é completamente gratuíta.

Image: 
Tags: