Veciñanza e Concello alíanse nas tarefas de limpeza da praia e piñeiral de Cabanas

Galego

O alcalde, Germán Castrillón, destaca e agradece a colaboración veciñal na acción medio ambiental levada a cabo o pasado sábado

As tarefas permitiron a retirada de cinco remolques de troncos e restos de madeira e de sete sacos con residuos como plásticos e cordas

Cabanas, 14 de maio de 2018. Ata cinco remolques cargados principalmente de troncos e madeiras arrastrados polo mar e sete grandes sacos con residuos como plásticos e cordas foron retirados da praia e do piñeiral da Madalena o pasado sábado pola cuadrilla veciñal de limpeza convocada polo Concello de Cabanas nunha acción medio ambiental con vocación de continuidade no futuro. Nesta liña, o alcalde, Germán Castrillón, integrante na cuadrilla xunto a concelleiros e concelleiras do equipo de goberno como Esperanza Gayoso (Turismo); Javier Fernández (Deportes); Manuel González (Obras) e Eva García (Servizos), valorou moi positivamente a resposta veciñal e, sobre todo, agradeceu a súa colaboración e implicación. Destacou a querencia veciñal por este espazo cuxa conservación é cuestión de todos e todas tal e como demostran veciños e veciñas en cantas iniciativas se plantean dende o Concello.

Así, a caseta de socorrismo do areal convertíase o pasado sábado no punto de quedada da cuadrilla. Uns vinte veciños e veciñas de diferentes idades reuníanse alí ás 9,30 horas. Tras recibir o material preciso para participar nas tarefas, o Concello distribuía o traballo por zonas. Ademais, os voluntarios de Protección Civil colaboraban activamente nas tarefas, realizando tamén labores de coordinación e supervisión. O esquema de traballo completábase co apoio de diferente maquinaria para a retirada, como o tractor municipal.

A intervención de limpeza concluía sobre as 13 horas, tras a retirada dos citados cinco remolques e sete sacos.

Image: