O Concello organiza unha xornada de limpeza veciñal na praia e piñeiral

Galego

Fai un chamamento á cidadanía para sumarse a esta acción medio ambiental colectiva, que se celebrará este sábado pola mañá

Cabanas, 9 de maio de 2018. O Concello de Cabanas organizará este sábado, 12 de maio, unha xornada de limpeza no entorno da praia e piñeiral da Madalena na que busca implicar activamente á cidadanía. Por iso, fai un chamamento á colaboración veciñal coa misión de que se una á cuadrilla especial que se creará para limpar un ben colectivo como é este espazo natural singular. A campaña especial estará coordinada polos responsables municipais e nela colaborarán os membros de Protección Civil. Para tomar parte na mesma, é preciso anotarse previamente no departamento municipal de Servizos Sociais (de forma presencial na pranta baixa da casa consistorial, no teléfono 981 49 59 59 extensión 6 ou no enderezo servizos.sociais@cabanas.gal, sinalando nome e apelidos, DNI e idade).

A convocatoria está prevista para este sábado ás 9,30 horas na caseta de socorrismo. Poden participar veciños e veciñas a partir de dez anos, aínda que no caso dos menores é preciso que vaian acompañados dunha persoa adulta. Neste punto, facilitarase o material preciso –guantes e bolsas- e repartiranse as tarefas.

Por último, o Concello fai un chamamento á participación nesta acción colectiva a favor do medio ambiente.