O Concello celebrará o obradoiro de educación emocional “Educar dende o corazón”

Galego

Dirixido ás familias con fillos a partir de 3 anos, terá lugar este venres, con participación gratuíta, no CEIP Eladia Mariño

Cabanas, 9 de maio de 2018. As familias con fillos e fillas a partir de 3 anos teñen unha cita este venres, 11 de maio, en Cabanas. O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, convídaas ó obradoiro de educación emocional “Educar dende o corazón”. Dará comezo, no CEIP Eladia Mariño, a partir das 17 horas. Con participación gratuíta, requírese inscrición previa (en Servizos Sociais –pranta baixa da consistorial, teléfono 981 49 59 59 ext.6 ou no correo servizos.sociais@cabanas.gal).

O obxectivo da actividade é ofrecer ás familias ferramentas para desenvolver a capacidade de recoñecemento, comprensión e expresión de emocións propias e alleas; adestrar as habilidades básicas que lles faciliten as súas relacións sociais e efectivas e melloren a convivencia: resolución pacífica de conflitos, escoitar, empatizar, dicir non...; promover a reflexión sobre o impacto das emocións e ofrecer ferramentas para a regulación das mesmas; promover a autoestima e o autoconcepto, proporcionando elementos para apreciarse e respectarse a un mesmo e favorecer a motivación e a creatividade das familias a través de dinámicas grupais.

Para iso, traballarase en dous grupos por separado: un de nais, pais e persoas coidadoras e outra de nenos e nenas.