Encontros de “familias enxebres” en Cabanas ó redor do canto, a música e o baile tradicionais

Galego

O Concello convida a todas as familias a sumarse ás sesións, que se celebran todos os luns de 18,30 a 19,30 horas no local de San Martiño

Cabanas, 4 de maio de 2018. O Concello de Cabanas convida á veciñanza a sumarse ós encontros de “familias enxebres” que se celebran todos os luns, de 18,30 a 19,30 horas no local social de San Martiño do Porto. Uns encontros ó redor do canto, a música e o baile tradicionais que xorden a iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, no marco do Programa Municipal de Acción Social coa Familia, dentro do proxecto “Tempo de Familias”. Agora, unha vez rematados os obradoiros, as propias familias decidiron continuar con eles, creando así un auténtico espazo de encontro.

O Concello explica que as sesións están dirixidas a familias con nenos e nenas de cero anos en adiante. E, entre as actividades propostas, está o aprendizaxe de cancións; achegamento á música de percusión –dende a botella de anís e as cunchas de vieira á pandeireta, o tambor ou o bombo-, ou pasos básicos de baile tradicional.

Os obxectivos non son outros que pasar un tempo de vagar en familia de forma saudable, dar a coñecer ás novas xeracións a cultura máis enxebre e tradicional, aproveitar o enriquecemento interxeneracional e estreitar vínculos coa comunidade.

Para tomar parte, é preciso anotarse no teléfono 981 49 59 59 extensión 6 ou no correo servizos.sociais@cabanas.gal.

Image: