O Concello de Cabanas propón unha ruta de sendeirismo por Grañas do Sor

Galego

Abrirá este luns a inscrición no departamento municipal de Deportes

Cabanas, 14 de abril de 2018. O calendario de rutas de sendeirismo que organiza cada mes a Concellería de Deportes de Cabanas continuará cunha saída ó municipio de Mañón. Así, o Concello abrirá este luns a inscrición na ruta, que se celebrará, como é tradición xa, o último sábado de mes, día 28. As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial-, enviando un correo electrónico ó enderezo cultura@cabanas.gal ou no teléfono 981 49 59 59 extensión 3. O prazo concluirá o vindeiro 24 de abril.

A cuota de participación, a abonar ese mesmo día, é de seis euros, que se destinan a sufragar os desprazamentos en autocar, e o punto de quedada será a casa consistorial o citado sábado ás 9 horas. Alí esperará ós participantes un autobús rumbo a Grañas do Sor, a uns 2 kms do río do mesmo nome. Será o punto de partida dun itinerario que, no 90% do seu percorrido, discurrirá paralelo ó cauce fluvial.

A duración estimada da ruta, de dificultade media-baixa, é de tres horas. Concluirá na área recreativa de Ponte Segade e, alí, os participantes teñen dúas opcións para o xantar: levalo da casa ou encargalo nun local cercano –con prezo de menú que oscila entre os 12 e os 15 euros-. Neste último caso, a persoa interesada pódese poñer en contacto co guía, que fará a reserva –Felipe: 609 31 37 46-.

Por último, dende o Concello recoméndase levar botas e roupa cómodas.

Image: 
Tags: