A Xunta apoia ó Concello de Cabanas na mellora da súa eficiencia enerxética coa renovación do alumeado público

Galego

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu á firma do convenio entre o Goberno galego e o Concello de Cabanas para levar a cabo esta actuación para substituír os preto de 300 puntos de luz do contorno do piñeiral da praia da Madalena por novas luminarias tipo LED

Suporá unha mellora tanto desde o punto de vista medioambiental como da calidade da iluminación da zona, ademais de importantes aforros enerxéticos, equivalente ao consumo anual de 40 familias, e na factura enerxética, ao redor de 23.500 euros menos ao ano

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aporta o 98% do investimento previsto, que ascende en total a 592.000 euros, e agarda que o proxecto sexa un referente para futuras actuacións

Cabanas, 11 de abril de 2018. A Xunta mantén a súa aposta polo impulso do aforro e da eficiencia enerxética coa sinatura dun convenio co Concello de Cabanas para a renovación do alumeado público no contorno do piñeiral da praia da Madalena. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu esta mañá á firma do acordo por parte do alcalde, Germán Castrillón, e destacou que a iniciativa pode ser “un escaparate para os concellos costeiros de Galicia” xa que, ademais do importante aforro enerxético e económico, a actuación mellorará a imaxe do contorno.

A Xunta aportará o 98% do investimento necesario -que en total ascende a 592.000 euros- para a substitución dos preto de 300 puntos de luz cos que conta na actualidade e que presentan deficiencias causadas polo ambiente mariño, como a oxidación, e problemas de canalización das liñas eléctricas subterráneas.

A nova actuación, que consistirá na implantación de luminarias con tecnoloxía LED, permitirá mellorar a iluminación, o que redundará nun maior benestar e seguridade para os usuarios da zona, así como un importante aforro tanto no consumo -de 136.300 kWh ao ano, equivalente ao consumo anual de 40 familias- como na factura da luz do Concello -de máis do 80%, o que se traduce en 23.500 euros ao ano-. Así, a utilización de luminarias de elevado rendemento enerxético e longa vida útil pretende fomentar un uso racional da enerxía e a óptima xestión dos recursos enerxéticos, que servirá para que este proxecto sexa un referente para futuras actuacións e investimentos.

Image: