O Concello de Cabanas inicia a colocación de trampas contra a velutina

Galego

O obxectivo é instalar unhas 150 trampas polo termo municipal

Facilitaranse tamén á veciñanza que o desexe este sábado

Cabanas, 6 de abril de 2018. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos, vén de iniciar a colocación de trampas contra a vespa velutina en todo o termo municipal. Para iso, e ata completar o obxectivo marcado de instalar unhas 150 trampas, realizaranse saídas todos os sábados pola mañá. O punto de partida serán os garaxes da antiga consistorial. Así mesmo, neste punto e de 10 a 10,30 horas, tanto a bióloga Eva Pico, que colabora na iniciativa, como a concelleira de área, Eva García, estarán a disposición de veciños e veciñas que desexen recibir información sobre o trampeo primaveral ou resolver dúbidas respecto a este.

Do mesmo xeito, aqueles/as que desexen colaborar instalando trampas nas inmediacións das súas vivendas, e contribuir así ó traballo que agora comeza por parte do Concello, poden tamén achegarse para solicitar trampas que a Concellería de Servizos entregará gratuitamente.

As trampas foron elaboradas durante o pasado ano, no marco da campaña iniciada polo Concello contra a vespa velutina. Unha campaña que contemplou a recollida de botellas entre a comunidade educativa do CEIP Eladia Mariño; obradoiros de elaboración das trampas (unhas 350) e a colocación destas a través de rutas, así como charlas informativas. Este ano reedítase o proxecto e, amáis das ponencias, comezan agora as rutas para instalar as trampas, para o que se terá en conta os datos de localización de niños aportados por Protección Civil de Cabanas.

Tags: