A proposta culinaria de A Estrela do Eume, a preferida da clientela no III “Tapeando Cabanas”

Galego

O alcalde, Germán Castrillón, entregou o galardón a Javier Pérez Cortiñas, propietario do establecemento, que incorporará ó seu menú a tapa gañadora, “Chámame galega”

Cabanas, 5 de abril de 2018. A Estrela do Eume convertíase este ano no establecemento coa proposta culinaria máis valorada polos participantes no certame gastronómico “Tapeando Cabanas”, que promoven a Concellería de Turismo e o sector hostaleiro. E onte á tarde, o alcalde, Germán Castrillón, facíalle entrega do galardón ó seu propietario, Javier Pérez Cortiñas. Un premio que, dende o primeiro minuto, quixo compartir con Manuela Mella Castro, a cociñeira e creadora da tapa “Chámame galega…”, a preferida pola clientela. O seu segredo? Apostar polos produtos da terra.

Así, “Chámame galega…”, unha hamburguesa con carne de vaca galega rechea de grelos e castañas con queixo do país sobre picada de chourizo, conquistou os paladares dos participantes no certame e Pérez Cortiñas xa avanzou que se incorporará definitivamente á carta do local.

Así mesmo, A Estrela do Eume tamén foi escenario onte á tarde do acto de entrega dos agasallos que se sortearon entre aqueles que participaron en Tapeando. Dende lotes con botellas de viño ata ceas nos locais ou unha estancia nun balneario, entre outros. Acto no que participaron os responsables dos establecementos, que donaron estes reclamos xunto ó Concello, así como a concelleira de Turismo, Esperanza Gayoso; o edil de Obras, Manuel González, e a técnica municipal, María López.

No certame participaron A Estrela do Eume, A Lareira, o Ambigú da CCRD San Martiño do Porto, BK, La Encina, La Solana, O Mesón, Taberna Frayán e Yellow.

 

Image: 
Tags: