As estudantes de Cabanas ocupan as bancadas do pleno para reivindicar no Día da Muller a igualdade entre homes e mulleres

Galego

Concello e CEIP Eladia Mariño únense para conmemorar esta xornada

A corporación, integrada exclusivamente por nenas, leu un manifesto a prol da igualdade que a veciñanza asistente secundou coa súa firma

Cabanas, 8 de marzo de 2018. Hoxe, Día da Muller, o Concello de Cabanas acolleu unha sesión plenaria na que elas e as súas reivindicacións foron as grandes protagonistas. Nunha iniciativa conxunta de Concello e CEIP Eladia Mariño, nenas do centro educativo convertíronse por unhas horas en alcaldesa, secretaria e concelleiras da corporación de Cabanas. E fixéronno para poñer sobre a mesa a necesidade de dar visibilidade á muller, ó seu traballo, méritos e logros ó longo da historia; para reivindicar o fin da brecha salarial e da limitación do acceso da muller a postos directivos; para defender a necesaria corresponsabilidade entre homes e mulleres na realización das tarefas domésticas e o coidado dos/as fillos/as e persoas maiores; para condear a violencia machista ou para demandar o fin da obrigatoria elección entre carreira profesional e maternidade que moitas veces afrontan as mulleres. Esas foron algunhas das súas reivindicacións.

Acompañada na mesa por Iria, que exerceu de secretaria, a alcaldesa por un día de Cabanas, Puerto, foi dando a palabra ás concelleiras que ocupaban as bancadas do pleno. Formaban parte dun único partido, ó marxe de ideoloxías e coa igualdade como única bandeira. Así, Claudia lembraba a figura de Clara Campoamor e a súa defensa a ultranza dos dereitos das mulleres e a súa loita pola consecución do voto feminino en España. Candela poñía en valor o papel da muller durante os anos da Dictadura, relegada na súa maioría a asumir os roles de esposa e nai e lembrando as súas dificultades para acceder á carreira universitaria ou a necesidade de contar cun permiso do esposo para traballar fóra da casa ou abrir unha conta bancaria. Aldara abogou pola necesidade de continuar dando pasos a tenor da situación e narraba a historia de Alicia, unha mecánica que se atopou coas trabas que sufren tantas mulleres para progresar na súa empresa, e que aínda así rematou por cumplir os seus soños. Zeltia recurría ós titulares dos xornais para abordar as dificultades de compatibilizar maternidade e traballo, poñendo como exemplo a loita da científica María de la Fuente. Estefanía tiraba de datos e estatísticas sobre a brecha salarial e respecto ás pensións ou as desiguais cuotas de participación da muller en postos de dirección, responsabilidade universitaria ou política. Sara e Mara puxeron de manifesto a terrible situación de discriminación da muller noutros países. E, finalmente, Laura, Lucía, Sofía e Lucía foron as encargadas de ler un manifesto coas principais reivindicacións para acadar a necesaria igualdade. Un manifesto que se aprobou por unanimidade e que a corporación invitou a suscribir ó público asistente. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, e a concelleira de Educación, Esperanza Gayoso, así como numerosos veciños e veciñas que asistiron á sesión secundaron a iniciativa.

Finalmente, o pleno concluíu cun rap a favor da igualdade creado e interpretado polo alumnado participante: os nenos e nenas de 5º e 6º curso de Educación Primaria.

Rematada a sesión, Castrillón e membros da corporación fixeron entrega ó alumnado duns diplomas acreditativos desta xornada.

Aínda que o pleno foi o acto central desta mañá na casa consistorial, nenos e nenas aproveitaron a visita para coñecer o funcionamento do Concello. Foi no marco do programa Xornadas Escolares de Pleno que promove a Administración local. Así, guiados/as polo alcalde, rapaces e rapazas coñeceron de preto o traballo que realizan os traballadores municipais –dende o secretario ata o tesoureiro pasando pola educadora familiar, a traballadora social, a animadora sociocultural e deportiva, a técnica de emprego, a aparelladora e os/as funcionarios/as das oficinas xerais-.

Xantar Solidario

Os actos programados polo Concello para conmemorar o Día da Muller continuarán o domingo co Xantar Solidario no local da SCRD San Mamede de Laraxe. Un encontro veciñal que comezará ás 14 horas no que se rendirá homenaxe a unha das veciñas presentes. A veciñanza que se sume á cita, cuxa recadación irá destinada ós servizos sociais municipais e máis concretamente á adquisición de produtos técnicos, poderá entregar tamén alimentos non perecedeiros que se entregarán no Banco de Alimentos Local.

Por último, o Concello programará o 20 de marzo a peza teatral “Mullerazas”, da compañía Criando Malvas Teatro no CEIP Eladia Mariño. Unha obra dirixida ó público infantil na que se pon en valor o papel da muller na historia.

 

Image: 
Archivo: