O Concello de Cabanas promove un obradoiro de canto, música e baile tradicionais para as familias

Galego

Dirixido a familias con nenos e nenas dende os cero anos, celebrarase este luns no local social das Viñas, a partir das seis e media da tarde

Entre as actividades previstas: aprendizaxe de cancións, achegamento á música de percusión e iniciación ó baile tradicional

Cabanas, 8 de marzo de 2018. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos Sociais, organiza este luns, 12 de marzo, un obradoiro para toda a familia de achegamento e iniciación ó canto, á música e ó baile tradicional galego. Todo isto, dun xeito lúdico e distendido. Celebrarase no local social das Viñas, entre as 18,30 h e as 19,30 horas, con custe cero e sen necesidade de inscrición previa. A iniciativa enmárcase no Programa Municipal de Acción Social coa Familia, dentro do proxecto “Tempo de Familias”.

O Concello explica que o obradoiro está dirixido a familias con nenos e nenas de cero anos en adiante. Entre as actividades propostas está o aprendizaxe de cancións; achegamento á música de percusión –dende a botella de anís e as cunchas de vieira á pandeireta, o tambor ou o bombo-, ou pasos básicos de baile tradicional.

Os obxectivos non son outros que pasar un tempo de vagar en familia de forma saudable, dar a coñecer ás novas xeracións a cultura máis enxebre e tradicional, aproveitar o enriquecemento interxeneracional e estreitar vínculos coa comunidade.