Cabanas celebra mañá o Día da Muller cun pleno simbólico a favor da igualdade protagonizado polo alumnado do CEIP

Galego

O Concello tamén convoca este domingo o Xantar Solidario con motivo desta data e, o día 20, programará no colexio a peza teatral Mullerazas

Cabanas, 7 de marzo de 2018. O Concello de Cabanas conmemorará este xoves o Día da Muller cun pleno simbólico a favor da igualdade na casa consistorial no que os nenos e nenas de 5º e 6º curso de Educación Primaria do CEIP Eladia Mariño serán os/as grandes protagonistas. Dará comezo ás 11,30 horas e toda a veciñanza está invitada a asistir ó mesmo. Así mesmo, este domingo celebrarase unha nova edición do Xantar Solidario do Día da Muller, onde se rendirá homenaxe a unha das veciñas do municipio que ten destacado por unha traxectoria de traballo e esforzo, e o próximo 20 de marzo o Concello pechará a programación adicada a esta data levando ó centro educativo a obra teatral “Mullerazas”, a cargo da compañía Criando Malvas Teatro.

O pleno a favor da igualdade que se celebrará mañá xoves en Cabanas virá precedido dunha visita dos/as escolares á casa consistorial e estará protagonizado integramente por nenas e nenos. Haberá un partido único e será unha nena a alcaldesa-presidenta do pleno, quen se encargará de introducir o acto. Seguidamente, nenas concelleiras exporán temáticas relacionadas coa igualdade de xénero. Falarán de mulleres históricas que propiciaron grandes avances na loita feminista e realizarán un percorrido histórico sobre como era a vida das mulleres en diferentes eidos –persoal, familiar, laboral e social- en épocas pasadas, comparando coa actual. De seguido, a secretaria –cargo que tamén exercerá unha nena- fará acta do pleno e leerá un manifesto a prol da igualdade que todas as persoas presentes poderán asinar. Por último, o alumnado cantará un rap creado no centro sobre a promoción da igualdade. O acto está aberto á veciñanza, polo que poderá acudir a cidadanía que o desexe.

Xa pola tarde, e no marco do programa Tempo de Familias que promove o Concello, nais, pais, avós e avoas, nenos e nenas centrarán o encontro semanal tamén no Día da Muller. Por isto, realizarán un obradoiro de broches reivindicativos da data. Será a partir das 17 horas no local social das Viñas, e participación tamén aberta ás familias.

Xantar Solidario

Os actos programados polo Concello para conmemorar o Día da Muller continuarán o domingo co Xantar Solidario no local da SCRD San Mamede de Laraxe. Un encontro veciñal que comezará ás 14 horas no que se rendirá homenaxe a unha das veciñas presentes. A veciñanza que se sume á cita, cuxa recadación irá destinada ós servizos sociais municipais e máis concretamente á adquisición de produtos técnicos, poderá entregar tamén alimentos non perecedeiros que se entregarán no Banco de Alimentos Local.

Por último, o Concello programará o 20 de marzo a peza teatral “Mullerazas”, da compañía Criando Malvas Teatro no CEIP Eladia Mariño. Unha obra dirixida ó público infantil na que se pon en valor o papel da muller na historia.

III Plan de Igualdade

Por último, o Concello explica que vén de iniciar un proceso de diagnose da realidade local co fin de elaborar o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Cabanas co fin de garantir o compromiso municipal na loita contra a desigualdade por mor do xénero e a eliminación das violencias machistas.

Tags: