Últimos días para anotarse en Cabanas no Xantar Solidario do Día da Muller

Galego

Celebrarase este domingo no local da SCRD San Mamede de Laraxe

Cabanas, 5 de marzo de 2018. O Concello de Cabanas informou esta mañá de que o prazo para anotarse no Xantar Solidario do Día da Muller pecharase este xoves, 8 de marzo. Así, as persoas interesadas en participar deben realizar a súa reserva chamando ós teléfonos 981 49 59 59 e 676 857 909 ou na propia casa consistorial. O prezo é de 15 euros e o prato principal será o cocido. Celebrarase un ano máis no local da SCRD San Mamede de Laraxe, entidade colaboradora coa cita. Será este domingo, 11 de marzo, e dará comezo ás 14 horas. Así mesmo, sobre as 17,30 horas principiará o baile coa actuación en directo do Dúo Ambrosía.

A cita servirá, como é tradición, para rendir homenaxe ás mulleres traballadoras do municipio, representadas por unha das súas veciñas e cuxa identidade se desvelará no transcurso do xantar. Así mesmo, o evento ten un marcado carácter solidario, xa que os asistentes poderán entregar alimentos non perecedoiros que irán destinados ó Banco de Alimentos de Cabanas. Ademais, os beneficios xerados coa entrada se reservarán para a adquisición de produtos técnicos cos que a Concellería de Servizos Sociais cubrirá as necesidades daquelas familias con menos recursos que así o precisen. Así, na edición do 2017, o Concello puido adquirir, grazas á solidariedade da veciñanza, unha grúa para persoas con mobilidade reducida.

Image: