O Concello inicia traballos de poda e tratamento das árbores na contorna do piñeiral

Galego

Os operarios municipais tamén están a retirar ramas caídas no paseo e accesos á praia por mor dos últimos temporais

A intención municipal é destinar a madeira extraída a familias con escasos recursos que conten con estufas que utilicen este material

Cabanas, 12 de febreiro de 2018. O Concello de Cabanas, a través das Concellerías de Servizos e de Medio Ambiente, iniciou nos últimos días unha campaña especial de poda e tratamento das árbores da contorna do piñeiral da Madalena. Unha cuadrilla de operarios municipais se encargan dos traballos, que inclúen o recorte e retirada de ramas secas e a aplicación dun tratamento específico para a súa conservación. Ata o momento, actuouse en 30 exemplares de piñeiros, castiñeiros, salgueiros e alcornoques ubicados no parque e aparcadoiros próximos á vía e as tarefas continuarán nas vindeiras semanas ata completar a extensión do piñeiral.

Así mesmo, o Concello avanza a contratación de maquinaria para actuar en altura e poder realizar os traballos naquelas árbores de maior porte, así como nos seis plátanos ubicados xunto á vía do tren.

Por último, os traballos estanse a completar coa retirada de ramas e restos de árbores, especialmente no paseo e accesos á praia, desprendidas polos últimos temporais.

A intención do Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, é destinar a madeira extraída a aquelas familias con menos recursos e propietarias de estufas que funcionen con este material.