Cabanas celebrará o Entroido con dúas festas para nenos e maiores

Galego

O local social de San Martiño do Porto será este ano o escenario das citas, que terán lugar o luns 12 de febreiro pola tarde

Cabanas, 7 de febreiro de 2018. O Concello de Cabanas celebrará o Entroido por todo o alto no local da Asociación de Veciños de San Martiño do Porto. Será o luns 12 de febreiro e o programa inclúe sesión de tarde para os máis pequenos da casa e de tarde-noite para o público adulto. Deste xeito, a festa infantil dará comezo ás cinco da tarde, con entrada libre e gratuíta. Iso si, o requisito é ir disfrazado e cargado de moitas ganas de pasalo ben.

O Concello ten preparadas diversas actividades de animación a cargo de La Guagua, baile e, para repoñer forzas, chocolate con churros. Así mesmo, os mellores disfraces terán premio, como entradas para eventos deportivos.

Sobre as 20 horas, será o turno dos maiores. Na festa que está a preparar o Concello haberá unha saborosa degustación de produtos típicos da época, coma orellas e filloas, a un prezo de catro euros e, como non, baile de disfraces. Neste caso, cunha actuación musical en directo. Como no caso anterior, os mellores disfraces tamén terán recompensa. Por último, o Concello anima á veciñanza a tomar parte na programación e celebrar xuntos o Entroido.

Image: 
Tags: