A Xunta pon ó servizo dos veciños unha senda de 1,3 kms que facilitará os desprazamentos seguros entre os principais centros de actividade do municipio

Galego

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde, Germán Castrillón, supervisaron hoxe o remate destas obras, nas que o Goberno galego inviste 500.000 euros e o Concello cedeu os terreos

Ethel Vázquez avanza que proximamente se vai actuar de forma complementaria na mellora do firme da estrada AC-141, na que se integra a senda, e posteriormente se cederá a súa titularidade ao Concello

Cabanas, 6 de febreiro de 2018. Acompañada do alcalde, Germán Castrillón, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou o remate das obras da senda peonil e ciclista construída na marxe esquerda da estrada AC-141 de Cabanas. Con esta actuación, a Xunta pon ó servizo dos veciños un itinerario de 1,3 quilómetros que facilita uns desprazamentos seguros entre os principais centros de actividade do municipio.

Segundo salientou a conselleira, estes traballos son froito da colaboración institucional entre administracións, posto que para a construción desta senda, a Xunta de Galicia destinou 500.000 euros e o Concello de Cabanas puxo á disposición os terreos necesarios para poder acometer as obras.

Vázquez Mourelle explicou que, nestes momentos, a esta actuación só lle resta levar a cabo a mellora do firme, que se executará no momento en que as condicións meteorolóxicas o permitan, para, posteriormente, proceder a ceder a senda ao Concello.

Trátase dun itinerario de 1,3 quilómetros de lonxitude, na marxe esquerda da vía, destinada a uso fundamentalmente para peóns e tamén para ciclistas de paseo. O itinerario está separado da calzada, polo que ofrece unhas condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute por parte dos veciños.

Esta senda foi moi demandada, posto que nesta zona existe unha circulación peonil constante motivada pola concentración de poboación e a existencia de numerosas vivendas na zona. Así mesmo, é unha área onde se atopan os principais equipamentos municipais, como é o caso da Casa do Concello e outros lugares concorridos, como a igrexa parroquial de San Andrés.

As obras enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia, que xa está en pleno desenvolvemento en 11 comarcas, un Plan que busca mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas como son os peóns e os ciclistas.

 

Image: