O Concello de Cabanas abre o prazo de inscrición no programa “Club +60”

Galego

O programa está dirixido ás persoas maiores do municipio

A participación é completamente gratuíta e arrancará este venres

Cabanas, 5 de febreiro de 2018. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá de que a Concellería de Servizos Sociais vén de abrir o prazo de inscrición nunha nova edición do programa “Club +60: Encontro de Maiores”. Un espazo para o encontro e a participación das persoas maiores de 55 anos co que o Concello busca ofrecerlles unha alternativa de ocio, que saian da casa e compartan o seu tempo con outros veciños.

Deste xeito Castrillón explica que se pretende previr o illamento social, favorecer as relacións interpersoais e fomentar a súa participación activa en actividades saudables. Para iso, o programa contempla tarefas de estimulación cognitiva (alfabetización básica, exercicios de atención e memoria, xogos educativos...); actividades culturais (visitas a museos, á biblioteca, a exposicións...); ou sesións especiais con axentes sociais (ASFEDRO: consumo responsable de menciñas, Asociación de Diabéticos de Ferrolterra ou Garda Civil, cunha charla sobre seguridade no fogar).

Así, as persoas interesadas en participar deben anotarse na Concellería de Servizos Sociais –ben na casa consistorial ben chamando ó teléfono 981 49 59 59 extensión 6-. As sesións arrancarán este venres e celebraranse no local social da SCRD San Mamede de Laraxe, de 17 a 18,30 horas.