Obradoiro para o sector da hostelería sobre un servizo responsable de alcohol

Galego

A acción formativa, gratuíta pero con inscrición, está promovida por Xunta, Federación de Bebidas Espirituosas e concellos de Cabanas e Pontedeume

Cabanas, 15 de novembro de 2017. Os Concellos de Cabanas e Pontedeume invitan ós hosteleiros e hosteleiras de ambos municipios a tomar parte no Obradoiro formativo “Servizo Responsable de Bebidas Alcohólicas”, que se impartirá o vindeiro martes, 21 de novembro, entre as 17 e as 19 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Pontedeume. A iniciativa forma parte do programa “Ti serves, ti decides”, que impulsan a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta e a Federación Española de Bebidas Espirituosas en colaboración con ambos concellos. E, con el, búscase abordar o abuso de bebidas alcohólicas e a mellora do entorno laboral e empresarial da hostelería.

A participación é gratuíta, pero precísase de inscrición previa no correo servizos.sociais@pontedeume.gal ou no número de teléfono 981 433 288, antes do 20 de novembro ás 12 horas.

Entre os contidos do curso, abordaranse os métodos de promoción e xestión do negocio que promovan o consumo adecuado e supoñan unha promoción do  propio establecemento; os efectos do consumo abusivo de alcohol, falsos mitos relacionados co test de alcoholemia, mestura de bebidas, bebidas "intelixentes" para quitar a borracheira ou reducir a resaca, métodos para recuperar a sobriedade; habilidades sociais para afrontar situacións difíciles, consumo abusivo, menores, ou lexislación referida ó servizo de bebidas alcohólicas, en particular a condicións de admisión, toma de decisións sobre o consumo da clientela ou sobre servir a persoas xa ebrias.