O Concello impulsa revisións gratuítas oftalmolóxicas e bucodentais para todos os escolares do CEIP Eladia Mariño

Galego

Tras as exploracións visuais, este xoves será o turno de odontólogos e ortodoncista

Cabanas, 8 de novembro de 2017. O Concello, en colaboración co CEIP Eladia Mariño e profesionais especialistas en odontoloxía, ortodoncia e óptica, leva a cabo esta semana unha nova edición da campaña municipal de Saúde Visual e Bucodental Infantil. O pasado luns e esta mañá levábanse a cabo as revisións oftalmolóxicas para o alumnado de Educación Infantil e, mañá xoves, será o turno das revisións odontolóxicas e de ortodoncia para estes escolares que desexen participar e conten con previa autorización de pais, nais ou titores. En todo caso, as revisións son completamente gratuítas e, tras as mesmas, os especialistas remiten un informe coas incidencias detectadas.

O proxecto ten unha dobre vertente de concienciación e prevención, buscando un diagnóstico precoz dos problemas visuais e bucodentais infantís co que atallar problemas que dificulten a aprendizaxe e rendemento escolar. E, para iso, o Concello conta coa colaboración tanto do centro educativo como da Clínica Dental Julio Novoa González, Clínica Dental Fernando Pereira Rodríguez, do ortodoncista Abelardo Fonte e de Multiópticas Tábora.

En vindeiras datas será a revisión odontolóxica e de ortodoncia para Educación Primaria.

Image: 
Tags: