O Concello de Cabanas pon en marcha este mes o ciclo “Sábados Teatrais”

Galego

O grupo local Licor Café inaugura o programa coa súa última peza “Dous ligues para unha noite” este sábado ás 19,30 horas e entrada de balde

O cartel do ciclo complétase co musical “Chicago” a cargo de Ultreia Teatro e “A invitada” do grupo da SCR A Pombiña

Cabanas, 11 de outubro de 2017. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Cultura, reedita a súa aposta polos “Sábados Teatrais”. Un ciclo que se desenvolverá durante todo o mes e que inaugurará este sábado o grupo de teatro local “Licor Café”. A partir das 19,30 horas, no salón de plenos da casa consistorial, representará a súa última peza: “Dous ligues para unha noite”, unha entretida e divertidísima comedia de Andrés Picallo Maceiras. O cartel continuará no mesmo escenario e horario o 21 de outubro co musical “Chicago”, a cargo de Ultreia Teatro, e o 28 de outubro coa obra “A invitada”, representada pola compañía da SCR A Pombiña. Ambas obras, incluídas na Rede Cultural da Deputación. E, en todos os casos, a entrada é de balde e libre ata completar aforo.

“Dous ligues para unha noite”, de Andrés Picallo Maceiras, é unha comedia de enredos estruturada en tres actos. Neles, os personaxes van saltando dun absurdo noutro, e dunha incoherencia noutra, ata chegar a rozar o ridículo. Ábrese o pano e o público atópase con Elena e Amparo. Dúas esposas que están a preparar unha viaxe de veraneo. Os seus maridos Juan e Heliodoro, que se van a quedar sos na casa, tratan de aproveitar a ocasión para unha aventura amorosa con Susana e Silvia ... dúas falsas turistas estranxeiras. Para engadir un pouco máis de humor, aparecen por medio Don Anselmo, un veciño médico un tanto peculiar, e Felipe, un traficante de drogas de pouca monta. Os sucesivos equívocos e enganos quedan ao descuberto ao final da obra da forma máis sinxela imaxinable.

Con música de John Kander, letras de Fred Ebb e libreto de Bob Fosse, o musical “Chicago” está ambientado nesta cidade norteamericana durante a época da lei seca dos anos 20. Conta a historia de Roxie Hart, unha actriz aparentemente inocente que traizoa ao seu marido Amos e soña con que o baile e a música lle permitan deixar a súa vida aburrida e humilde e seguir os dourados pasos da admirada artista de vaudeville Velma Kelly. Roxie consegue o seu soño cando algúns actos equivocados van acabar coas dúas artistas na cadea, ambas acusadas de dous asasinatos. Alí, na cadea, baixo os coidados da garda Morton, Roxie reúnese co corrupto e afamado avogado Billy Flynn, que acepta o caso da defensa de Roxie a cambio dunha suma importante de diñeiro.

A produción orixinal de Broadway do musical “Chicago” estreouse en 1975 e aínda percorre os escenarios mais importantes do mundo. A obra é unha crítica incisiva e ácida á corrupción do sistema xudicial e político, polo que súa vixencia segue a remover as conciencias máis críticas do público.

Coa súa representación, Ultreia convertíase no primeiro grupo de teatro galego que estreaba en Galicia un musical de Broadway en galego. A obra está dirixida por Elixio César Silvent.

Por último, o grupo de teatro da SCR A Pombiña traerá a Cabanas a obra “A invitada”, de Betty Couce. Narra a historia Beatriz, nativa das Fragas do Eume, que recibe unha invitación para asistir á voda da súa prima (a cal non coñece). Decide desprazarse a casa do seu tío e coñecer á súa familia, descubrindo que o seu tío é en realidade un alto cargo da Xunta de Galicia, que quere levar a cabo un proxecto que non gusta ós habitantes do Eume. Pero esa non será a única sorpresa que recibirá.

Image: 
Tags: