Arranca en Laraxe o programa municipal Club+60: Encontro de Maiores

Galego

Unha veintena de veciños e veciñas participa neste proxecto impulsado polo Concello no que comparten experiencias e actividades

Cabanas, 10 de outubro de 2017. Unha veintena de veciños e veciñas maiores de 60 anos tomaba parte o pasado venres na primeira sesión do programa municipal “Club +60: Encontro de Maiores”. Un proxecto impulsado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Cabanas que se celebrará a partir dagora todos os venres de 17 a 18,30 horas no local social da SCRD San Mamede de Laraxe.

O alcalde, Germán Castrillón, acudía á primeira sesión para saudar ós participantes e destacaba a importancia deste tipo de programas cos que se busca ofrecer unha alternativa de ocio para as persoas maiores e, sobre todo, crear un punto de encontro entre o colectivo da Terceira Idade. Unha iniciativa coa que se favorece un envellecemento activo e se combate a soidade e o illamento. Para iso, todos os venres pola tarde o Concello proponlles diferentes actividades, dende conversas para a recuperación de tradicións e costumes ata xogos e exercicios de estimulación cognitiva ou excursións.

O Club +60 poñíase en marcha o pasado ano e a boa acollida por parte da veciñanza levou ó Concello a reeditar o programa este curso. A inscrición continúa aberta e a participación é gratuíta. As persoas interesadas poden anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais –na casa consistorial ou chamando ó teléfono 981 49 59 59 extensión 6-.

Image: