O Concello organiza xuntanzas nas diferentes parroquias para recoller as propostas da veciñanza ós orzamentos

Galego

O alcalde, Germán Castrillón, asegura que o obxectivo é favorecer a participación veciñal na elaboración do documento maestro do Concello

Cabanas, 9 de outubro de 2017. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, avanzou o calendario de reunións que o Concello convocará nas diferentes parroquias do municipio para recabar as suxestións e propostas dos veciños e veciñas para os orzamentos do próximo exercicio. Un calendario de xuntanzas co que, segundo explicou o rexidor, búscase favorecer a participación veciñal na elaboración do documento maestro da xestión municipal.

As reunións celebraranse nos diferentes locais sociais, ás 20 horas, con entrada libre. A primeira terá lugar no local da SCRD de San Mamede de Laraxe o 18 de outubro; seguiralle a reunión no local social de Santa Cruz o 20 de outubro; no local do CCRD de San Martiño do Porto o 26 de outubro; no local social das Viñas o 6 de novembro e no local social de Lavandeira o 8 de novembro.

En todas as xuntanzas explicaranse os orzamentos e partidas de investimento para, a continuación, abrir un turno de palabra para que todo aquel que o desexe realice a súa proposta ou traslade a súa queixa. Así mesmo, entregaranse follas de suxestións para que os asistentes poidan trasladalas por escrito.

Será este o paso previo para iniciar a elaboración do borrador de orzamentos, un proceso de participación que se iniciaba en 2008 e se veu repetindo cada ano.

Tags: