O Concello suma 388 horas ó Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes

Galego

A ampliación, aprobada e financiada pola Consellería de Política Social, permitirá aumentar as horas de atención ós usuarios do servizo

Cabanas, 5 de outubro de 2017. O Concello sumará 388 horas de atención ó Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes que financia a Xunta de Galicia en réxime de copago. Con esta ampliación, acadaranse as 13.994 horas anuais, das que se benefician en Cabanas un total de 30 veciños e veciñas. A ampliación das horas de atención do servizo foi aprobada pola Consellería de Política Social, que financia o custe dun programa social que, no municipio, superou os 168.000 euros de orzamento no 2016. Deles, a Xunta aporta máis de 128.000 euros.

Este servizo compleméntase co que presta o Concello de Cabanas mediante persoal propio. As traballadoras municipais de axuda a domicilio atenden a 36 veciños e veciñas, que reciben 5.989,30 horas de atención ó ano. O custe do programa supón un investimento para as arcas locais de 71.479,01 euros. A Deputación colabora cunha achega de 17.643,83 euros, namentras que a contía aportada polos usuarios en réxime de copago sitúase en 14.448,60 euros.

Ambos servizos permiten ofrecer unha axuda no día a día das persoas dependentes e máis das súas familias e coidadores. Así, o persoal leva a cabo atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria; atencións de carácter doméstico e da vivenda, e acompañamento persoal na realización doutras actividades complementarias. Actividades que se programan en función dos casos e das necesidades mediante o acordo dun proxecto individualizado.