Numeroso público achegouse ó paseo da Madalena para coñecer as particularidades do coche eléctrico

Galego

Éxito de convocatoria da xornada organizada onte polo Concello de Cabanas, en colaboración coas firmas Nissan, Mercedes Benz e BMW

Cabanas, 9 de setembro de 2017. Numerosos veciños e veciñas, e tamén doutros municipios da comarca, achegáronse onte á tarde ó paseo da Madalena para tomar parte na xornada sobre coches eléctricos organizada polo Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente, e as firmas Nissan, Mercedes Benz e BMW. Foron estas as encargadas de poñer a disposición do público os vehículos para coñecer a súa condución e vantaxes sobre o medio. Para iso, dende as cinco e ata ben pasadas as oito da tarde, os asistentes puideron conducir algún dos coches trasladados ó paseo. Acompañados dun especialista que ía comentando as particularidades do vehículo, realizaron pequenos traxectos de tres ou catro quilómetros.

O alcalde, Germán Castrillón, lembraba que en Cabanas este tipo de vehículos contan cunha bonificación no imposto de rodaxe do 25% e poñía en valor os seus beneficios medio ambientais. Entre eles, non depender de combustibles fósiles ou ter nulo impacto acústico e cero emisións á atmósfera.

Superadas as limitacións en canto a autonomía e potencia coas que naceu, trátase dunha opción ecolóxica que día a día gaña usuarios. Así mesmo, a ese respecto medio ambiental súmanse tamén factores positivos para o propietario, como o aforro económico respecto a aqueles que precisan de combustible e o menor mantemento.

 

Image: