Viaxes en coche eléctrico este venres no paseo da Madalena para comprobar as súas vantaxes sobre o medio ambiente

Galego

O Concello de Cabanas, en colaboración con firmas como Nissan, Mercedes Benz ou BMW, ofrece esta posibilidade a veciños e visitantes

A cidadanía poderá conducir estes vehículos acompañados de especialistas neste transporte “verde”

Cabanas, 7 de setembro de 2017. Conducir un vehículo eléctrico para comprobar en primeira persoa os beneficios que este medio de transporte ten no medio ambiente é a proposta que fai este venres o Concello de Cabanas a veciños e visitantes. Aqueles que o desexen poderán montarse e guiar nun dos tres coches eléctricos que a Concellería de Medio Ambiente pon á súa disposición no paseo da Madalena entre as cinco e as oito da tarde. Iso si, estarán acompañados de especialistas neste medio de transporte “verde” que ofrecerán as explicacións oportunas sobre o seu funcionamento, ó tempo que resolverán as súas dúbidas.

A xornada é posible grazas á implicación de firmas como Nissan, Mercedes Benz ou BMW. Un xeito diferente de amosar os beneficios para o medio deste tipo de vehículos. Entre eles, non depender de combustibles fósiles ou ter nulo impacto acústico e cero emisións á atmósfera.

Superadas as limitacións en canto a autonomía e potencia coas que naceu, trátase dunha opción ecolóxica que día a día gaña usuarios. Así mesmo, a ese respecto medio ambiental súmanse tamén factores positivos para o propietario, como o aforro económico respecto a aqueles que precisan de combustible e o menor mantemento.

Así mesmo, lémbrase que este tipo de vehículos contan en Cabanas cunha bonificación no imposto de rodaxe do 25%.