Inicio

Renovación de cartóns de residentes
  • Xoves, 04 Abril 2013

O prazo para a renovación dos cartóns de residentes no Concello de Cabanas xa está aberto. Todas aquelas persoas que sexan posuidoras dun destes cartóns deberán presentar a solicitude de renovación no Rexistro Xeral do Concello antes do día 8 de xullo, de acordo co establecido na Ordenanza Xeral Municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. O modelo para a solicitude de renovación poderase conseguir ben nas propias oficinas xerais do Concello ou ben a través da páxina web www.cabanas.es.

Estes cartóns autorizan o seu propietario a poder aparcar nas zonas delimitadas como de residentes no Concello de Cabanas, e dicir  na Avenida da Magdalena dende o número 6 ata o número 7( saída da rúa Os Sauces A ata a saída da rúa Os Sauces B), a ámbolos dous marxes, destinado ó aparcamento en batería e na travesía urbana da estrada AC-122, o aparcamento situado diante do Centro de Saúde.

Aqueles veciños e veciñas que desexen a obtención deste cartón de residentes tamén poden presentar a súa solicitude, neste caso acompañando ademais o Permiso de Circulación do vehículo, tarxeta de Inspección Técnica de Vehículos, último recibo do seguro do coche así como certificado de empadroamento no Concello de Cabanas.

Preparad@s, list@s...xa!
  • Venres, 15 Marzo 2013

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo durante o tempo da Semana Santa a actividade “Preparad@s, list@s...xa!”, dentro do marco do programa municipal para a promoción da igualdade “Cabanas Concilia”. Búscase coa mesma facilitar a conciliación persoal e laboral das familias con fillos na etapa de educación infantil e primaria, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos.

A actividade terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril na Escola Laica de Cabanas. A actividade principal terá lugar entre as 11:00 e as 13:00 horas, pero haberá monitorado dende as 10:00 e ata as 14:00 horas para facilitar a participación na mesma. O prazo de inscrición para poder tomar parte nesta actividade, que será gratuíta, rematará o día 21 de marzo.

O que se pretende e que dun xeito atractivo e motivador para os nenos e nenas se leven a cabo xogos con números, letras e adiviñanzas para non perder o fío do curso nas vacacións de Semana Santa. Realizaranse xogos de atención e concentración e xogarase coa imaxinación e a creatividade. Ó mesmo tempo farase un repaso dalgunhas cousas aprendidas durante o que vai de curso na escola, así como doutras moitas novas.

As persoas que estivesen interesadas en participar ou recadar máis información acerca desta actividade poderano facer nos Servizos Sociais de Cabanas ou ben chamando ó teléfono 981 49 59 59.

Ponte no meu lugar
  • Mércores, 06 Marzo 2013

A fundación ASPANEPS en colaboración cos Servizos Sociais de Cabanas e o CEIP Eladia Mariño ven desenvolvendo no centro cabanés a actividade co título “Ponte no meu lugar. Iguais pero diferentes” e coa que se pretende promover o coñecemento da situación das persoas con diversidade funcional entre a poboación escolar de Cabanas, fomentando valores como a solidariedade, a tolerancia e o respecto. Este próximo venres realizarase un percorrido práctico e a entrega de diplomas coa que se porá o punto final a esta actividade complementando a exposición que leva funcionando dende este luns.

A exposición, consistente en seis carteis extensibles explicativos do programa complementouse coa actividade levada a cabo por un educador de ASPANEPS xunto co persoal docente do CEIP Eladia Mariño, que foron traballando co alumnado nas aulas para acadar unha empatía con realidades diferentes, afondando no significado evolutivo da dependencia como un proceso cíclico que de maneira temporal nos afecta a todas as persoas, en especial no período de envellecemento. Tamén se tentou de promover a busca activa e práctica de transformacións a favor da accesibilidade global e o deseño para todas as persoas no seu entorno inmediato, o colexio e o seu barrio.

Este venres terá lugar un percorrido “práctico” por parellas formadas polo alumnado do CEIP Eladia Mariño que empregarán cadeiras de rodas e antifaces para desprazarse polo colexio e os seus accesos. Ademais, un mestre ou mestra colocarse os accesorios do “kit de envellecemento”, un traxe que simula as dificultades de carácter físico e sensorial que representa o proceso de envellecemento, para logo realizar un conxunto de tarefas da vida cotiá para descubrir as limitacións de forza, velocidade, visión, audición… A sesión rematará cunha ficha de recollida visual da experiencia, así como a realización dun pequeno obradoiro de chapas alusivas á actividade. A entrega final dos diplomas ó alumnado terá lugar ás 13:30 horas

Día Internacional da Muller
  • Mércores, 06 Marzo 2013

Inspirándose na próxima celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, na próxima sesión “Tempo de Familias, educando en Pre-escolar”, que organiza os Servizos Sociais do Concello de Cabanas dentro do seu Programa Municipal de Educación Familiar, levarase a cabo un Obradoiro de Corresponsabilidade. A actividade levarase a cabo no Antigo Concello de Cabanas o próximo xoves, 7 de marzo, as 17:00 horas.

Búscase con esta actividade de fomentar nas familias a corresponsabilidade no fogar desde as idades máis temperás, avaliar as posibles desigualdades que poidan darse no ámbito intrafamiliar así como concienciar da influencia dos comportamentos dentro do fogar na transmisión de estereotipos e de desigualdades relacionados co xénero.

Primeiramente levarase a cabo un coloquio co título “A corresponsabilidade no meu fogar: como facela posible”. Tras o mesmo procederase a realizar unha actividade manual dirixida a toda a familia na que se decorarán mandís unisex mediante pinturas empregadas coas mans dos adultos e nenos que participen.

A actividade é gratuíta e as persoas que estivesen interesadas en participar na mesma o recadar máis información o poden facer nos Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Curso de Galego
  • Venres, 18 Xaneiro 2013

Ó igual que xa se fixera o ano pasado, a Concellería de Cultura de Cabanas ten previsto organizar un curso de galego, en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta ocasión preténdese crear un grupo para impartir o curso de CELGA 4. O prazo para apuntarse no mesmo rematará o próximo mércores 23 de xaneiro, sendo preciso xuntar un grupo de vinte persoas para que sexa posible levar a cabo a actividade. O lugar onde se impartirá este curso, no caso de conseguir formar un grupo, sería na Escola Laica, estando pendente de saberse os horarios. Para poder recadar máis información teñen que poñerse en contacto coa Concellería de Cultura de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

Viaxe a Europa
  • Mércores, 16 Xaneiro 2013

Un ano máis, o Concello de Cabanas está a organizar unha viaxe por Europa. Nesta ocasión, os destinos escollidos serán Viena, Bratislava e Budapest. A viaxe comprenderá cinco días, dende o 12 ó 17 de marzo e o prazo de inscrición para poder participar rematará o vindeiro luns 21 de xaneiro.

Continúase así con esta tradición que permitiu os seus participantes coñecer xa cidades como Roma, Praga, Estambul ou Berlín. Nesta ocasión a viaxe permitirá coñecer tres cidades de Centro Europa cunha larga historia. A primeira das etapas será en Viena, antiga capital do Imperio Austro-Húngaro e onde se recorrerá o Ringstrasse, onde se levantan suntuosos monumentos como o Parlamento, o Museo de Belas Artes ou a Opera. Tamén se visitará o Pazo Schönbrunn que foi a residencia de verán dos emperadores.

A segunda parada da viaxe será en Bratislava, capital de Eslovaquia e a cidade con maior densidade de poboación de Centro Europa. A última das etapas levará os viaxeiros ata Budapest, a cidade dividida polo Danubio e capital de Hungría, onde poderán visitar o Bastión dos Pescadores, a Igrexa de Matías, a Praza dos Heroes ou a Basílica de San Esteban.

Os interesados en recadar máis información ou inscribirse nesta viaxe pódeno facer dirixíndose ó departamento de Cultura e Deportes do Concello de Cabanas, ou ben chamando ó 981 49 59 59 ou ben por correo electrónico na dirección cultura@cabanas.dicoruna.es

Ruta Circular: Lavandeira - Monte Punxeiros - Lavandeira
  • Martes, 15 Xaneiro 2013

O Concello de Cabanas, por medio da súa Concellería de Cultura e Deportes e en colaboración co club KDM de Cabanas, pensa organizar para o próximo domingo día 20 de xaneiro unha nova ruta de sendeirismo. Esta actividade ven enmarcada dentro do programa de cooperación que nos últimos meses están levando a cabo as dúas institucións co obxecto de potenciar a práctica do deporte ó mesmo tempo que concienciar da importancia de preservar os espazos naturais cos que o Concello de Cabanas conta.

Nesta ocasión a actividade que se pretende realizar será unha ruta circular, con saída dende o Pavillón de Lavandeira, ás 10:30 horas da mañá do domingo 20 de xaneiro. A andaina levará ós participantes ate o Monte Punxeiros para regresar novamente ó Pavillón de Lavandeira. A duración aproximada desta ruta circular será de dúas horas e a súa dificultade é baixa. A actividade será gratuíta.

Aquelas persoas interesadas en obter máis información acerca desta actividade ou apuntarse á mesma poderano facer no departamento de cultura e deporte do Concello de Cabanas ou telefonicamente chamando ó 981 49 59 59 ou por medio do correo electrónico cultura@cabanas.dicoruna.es

Un Nadal Diferente
  • Mércores, 19 Decembro 2012

O programa “Un Nadal Diferente” pretende ser un espazo divertido e educativo de calidade para os rapaces e rapazas que favoreza a conciliación da vida persoal e laboral das súas familias no período vacacional do Nadal, fomentando a igualdade de xénero, así como a corresponsabilidade familiar. As actividades deste programa, financiado pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabanas, levaranse a cabo entre os días 24 de decembro e 7 de xaneiro na Escola Laica, en horario de 9:30 a 13:30 horas. As prazas están limitadas a 25 sendo o prazo de inscrición os días 20 e 21 de decembro, cun custe de quince euros.

Entre os obxectivos que se perseguen con “Un Nadal Diferente” está ademais dos mencionados anteriormente o de posibilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias así como ofertar actividades creativas, lúdicas e atractivas de corte socioeducativo de calidade do mesmo xeito que fomentar o benestar e a mellora da calidade de vida das familias en xeral, promovendo a concienciación social e de promoción da igualdade en particular.

Ademais hai un descoñecemento xeral da existencia de celebracións noutras culturas, países e épocas e as súas características e as diferenzas que teñen coa que nos celebramos. Por ese motivo tamén se considera oportuno traballo e achegar de forma divertida e educativa o Nadal doutras épocas e culturas.

O que se pretende con cada un dos obradoiros que van compoñer a oferta deste programa é que os nenos e nenas coñezan, valoren e respecten, a través de xogos, dinámicas, películas, testemuñas e creacións artísticas, as festas, tradicións, comidas e adornos típicos do Nadal dos diferentes lugares do mundo e noutras épocas pasadas.

Páxinas