Inicio

Preinscrición no P.A.I. das Viñas
  • Venres, 26 Abril 2013

O Punto de Atención á Infancia do Concello de Cabanas abre o seu prazo para a preinscrición para o curso 2013-2014 de xeito que as persoas interesadas en obter unha praza no mesmo poidan presentar as súas solicitudes. O prazo comezará o próximo 2 de maio e rematará o día 20 do mesmo mes e os interesados poderán recoller os modelos de inscrición nas oficinas do Rexistro Xeral do concello en días laborables, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

O Punto de Atención á Infancia é un servizo destinado a axudar á conciliación da vida familiar e laboral e está orientado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. O centro ofertará a posibilidade dun servizo de xornada completa ou media, para desta forma adaptarse da mellor forma posible as necesidades dos pais e nais. Estas prazas están dispoñibles sen limitación de pertenza ó Concello de Cabanas ou limítrofes. Todas aquelas persoas interesadas en solicitar praza no centro de Cabanas poderán atopar toda a información así como os modelos a cubrir nas Oficinas Xerais do Concello, na páxina web www.cabanas.es ou ben conseguir máis información chamando ós Servizos Sociais no 981 49 59 59.

Renovación de cartóns de residentes
  • Xoves, 04 Abril 2013

O prazo para a renovación dos cartóns de residentes no Concello de Cabanas xa está aberto. Todas aquelas persoas que sexan posuidoras dun destes cartóns deberán presentar a solicitude de renovación no Rexistro Xeral do Concello antes do día 8 de xullo, de acordo co establecido na Ordenanza Xeral Municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. O modelo para a solicitude de renovación poderase conseguir ben nas propias oficinas xerais do Concello ou ben a través da páxina web www.cabanas.es.

Estes cartóns autorizan o seu propietario a poder aparcar nas zonas delimitadas como de residentes no Concello de Cabanas, e dicir  na Avenida da Magdalena dende o número 6 ata o número 7( saída da rúa Os Sauces A ata a saída da rúa Os Sauces B), a ámbolos dous marxes, destinado ó aparcamento en batería e na travesía urbana da estrada AC-122, o aparcamento situado diante do Centro de Saúde.

Aqueles veciños e veciñas que desexen a obtención deste cartón de residentes tamén poden presentar a súa solicitude, neste caso acompañando ademais o Permiso de Circulación do vehículo, tarxeta de Inspección Técnica de Vehículos, último recibo do seguro do coche así como certificado de empadroamento no Concello de Cabanas.

Preparad@s, list@s...xa!
  • Venres, 15 Marzo 2013

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo durante o tempo da Semana Santa a actividade “Preparad@s, list@s...xa!”, dentro do marco do programa municipal para a promoción da igualdade “Cabanas Concilia”. Búscase coa mesma facilitar a conciliación persoal e laboral das familias con fillos na etapa de educación infantil e primaria, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos.

A actividade terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril na Escola Laica de Cabanas. A actividade principal terá lugar entre as 11:00 e as 13:00 horas, pero haberá monitorado dende as 10:00 e ata as 14:00 horas para facilitar a participación na mesma. O prazo de inscrición para poder tomar parte nesta actividade, que será gratuíta, rematará o día 21 de marzo.

O que se pretende e que dun xeito atractivo e motivador para os nenos e nenas se leven a cabo xogos con números, letras e adiviñanzas para non perder o fío do curso nas vacacións de Semana Santa. Realizaranse xogos de atención e concentración e xogarase coa imaxinación e a creatividade. Ó mesmo tempo farase un repaso dalgunhas cousas aprendidas durante o que vai de curso na escola, así como doutras moitas novas.

As persoas que estivesen interesadas en participar ou recadar máis información acerca desta actividade poderano facer nos Servizos Sociais de Cabanas ou ben chamando ó teléfono 981 49 59 59.

Ponte no meu lugar
  • Mércores, 06 Marzo 2013

A fundación ASPANEPS en colaboración cos Servizos Sociais de Cabanas e o CEIP Eladia Mariño ven desenvolvendo no centro cabanés a actividade co título “Ponte no meu lugar. Iguais pero diferentes” e coa que se pretende promover o coñecemento da situación das persoas con diversidade funcional entre a poboación escolar de Cabanas, fomentando valores como a solidariedade, a tolerancia e o respecto. Este próximo venres realizarase un percorrido práctico e a entrega de diplomas coa que se porá o punto final a esta actividade complementando a exposición que leva funcionando dende este luns.

A exposición, consistente en seis carteis extensibles explicativos do programa complementouse coa actividade levada a cabo por un educador de ASPANEPS xunto co persoal docente do CEIP Eladia Mariño, que foron traballando co alumnado nas aulas para acadar unha empatía con realidades diferentes, afondando no significado evolutivo da dependencia como un proceso cíclico que de maneira temporal nos afecta a todas as persoas, en especial no período de envellecemento. Tamén se tentou de promover a busca activa e práctica de transformacións a favor da accesibilidade global e o deseño para todas as persoas no seu entorno inmediato, o colexio e o seu barrio.

Este venres terá lugar un percorrido “práctico” por parellas formadas polo alumnado do CEIP Eladia Mariño que empregarán cadeiras de rodas e antifaces para desprazarse polo colexio e os seus accesos. Ademais, un mestre ou mestra colocarse os accesorios do “kit de envellecemento”, un traxe que simula as dificultades de carácter físico e sensorial que representa o proceso de envellecemento, para logo realizar un conxunto de tarefas da vida cotiá para descubrir as limitacións de forza, velocidade, visión, audición… A sesión rematará cunha ficha de recollida visual da experiencia, así como a realización dun pequeno obradoiro de chapas alusivas á actividade. A entrega final dos diplomas ó alumnado terá lugar ás 13:30 horas

Día Internacional da Muller
  • Mércores, 06 Marzo 2013

Inspirándose na próxima celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, na próxima sesión “Tempo de Familias, educando en Pre-escolar”, que organiza os Servizos Sociais do Concello de Cabanas dentro do seu Programa Municipal de Educación Familiar, levarase a cabo un Obradoiro de Corresponsabilidade. A actividade levarase a cabo no Antigo Concello de Cabanas o próximo xoves, 7 de marzo, as 17:00 horas.

Búscase con esta actividade de fomentar nas familias a corresponsabilidade no fogar desde as idades máis temperás, avaliar as posibles desigualdades que poidan darse no ámbito intrafamiliar así como concienciar da influencia dos comportamentos dentro do fogar na transmisión de estereotipos e de desigualdades relacionados co xénero.

Primeiramente levarase a cabo un coloquio co título “A corresponsabilidade no meu fogar: como facela posible”. Tras o mesmo procederase a realizar unha actividade manual dirixida a toda a familia na que se decorarán mandís unisex mediante pinturas empregadas coas mans dos adultos e nenos que participen.

A actividade é gratuíta e as persoas que estivesen interesadas en participar na mesma o recadar máis información o poden facer nos Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Curso de Galego
  • Venres, 18 Xaneiro 2013

Ó igual que xa se fixera o ano pasado, a Concellería de Cultura de Cabanas ten previsto organizar un curso de galego, en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta ocasión preténdese crear un grupo para impartir o curso de CELGA 4. O prazo para apuntarse no mesmo rematará o próximo mércores 23 de xaneiro, sendo preciso xuntar un grupo de vinte persoas para que sexa posible levar a cabo a actividade. O lugar onde se impartirá este curso, no caso de conseguir formar un grupo, sería na Escola Laica, estando pendente de saberse os horarios. Para poder recadar máis información teñen que poñerse en contacto coa Concellería de Cultura de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59.

Viaxe a Europa
  • Mércores, 16 Xaneiro 2013

Un ano máis, o Concello de Cabanas está a organizar unha viaxe por Europa. Nesta ocasión, os destinos escollidos serán Viena, Bratislava e Budapest. A viaxe comprenderá cinco días, dende o 12 ó 17 de marzo e o prazo de inscrición para poder participar rematará o vindeiro luns 21 de xaneiro.

Continúase así con esta tradición que permitiu os seus participantes coñecer xa cidades como Roma, Praga, Estambul ou Berlín. Nesta ocasión a viaxe permitirá coñecer tres cidades de Centro Europa cunha larga historia. A primeira das etapas será en Viena, antiga capital do Imperio Austro-Húngaro e onde se recorrerá o Ringstrasse, onde se levantan suntuosos monumentos como o Parlamento, o Museo de Belas Artes ou a Opera. Tamén se visitará o Pazo Schönbrunn que foi a residencia de verán dos emperadores.

A segunda parada da viaxe será en Bratislava, capital de Eslovaquia e a cidade con maior densidade de poboación de Centro Europa. A última das etapas levará os viaxeiros ata Budapest, a cidade dividida polo Danubio e capital de Hungría, onde poderán visitar o Bastión dos Pescadores, a Igrexa de Matías, a Praza dos Heroes ou a Basílica de San Esteban.

Os interesados en recadar máis información ou inscribirse nesta viaxe pódeno facer dirixíndose ó departamento de Cultura e Deportes do Concello de Cabanas, ou ben chamando ó 981 49 59 59 ou ben por correo electrónico na dirección cultura@cabanas.dicoruna.es

Páxinas