Inicio

Campaña de Esquí 2014
  • Martes, 21 Xaneiro 2014

O prazo para a preinscrición na Campaña de Esquí que a Deputación da Coruña vai levar a cabo este ano xa está aberta. Por medio deste programa facilitarase que nenos e nenas de toda a provincia nados entre os anos 2000 e 2003 teñan a posibilidade de practicar este deporte na estación invernal de San Isidro, en León. Este prazo de preinscrición rematará o día 28 de xaneiro. Os participantes do Concello de Cabanas está previsto que tomen parte na actividade na primeira quenda, entre o 14 e o 16 de febreiro.

Cada participante deberá aboar unha cota única de 36 euros, facéndose cargo a Deputación da Coruña do resto dos gastos nos que se inclúe o aloxamento e manutención así como os cursos de esquí. No caso de que o número de solicitantes supere as prazas das que disporá o Concello de Cabanas, estas asignaranse por medio dun sorteo público.

Para formalizar a preinscrición os interesados poden dirixirse ó departamento de Cultura e Deportes do concello de Cabanas, ou ben recadar máis información, ben a través do teléfono 981 49 59 59 ben no correo electrónico cultura@cabanas.es

O Magosto
  • Mércores, 06 Novembro 2013

Como ven sendo habitual por estas datas, o Concello de Cabanas organizará unha nova edición do seu tradicional Magosto. A data escollida nesta ocasión para a súa celebración será o venres 8 de novembro. O lugar no que terá lugar será fronte á casa consistorial a partir das 19:30 horas.

Nesta ocasión, quen se achegue a celebrar o Magosto en Cabanas poderá por tan só tres euros dispoñer dunha ración de castañas asadas xunto cun bolo preñado e unha cunca de queimada. Os nenos que veñan a festa terán a posibilidade de tomar as castañas e os bolos de forma gratuíta. Esta festa do Magosto contará coa amenización musical a cargo do dúo Maracaibo.

Tempo de Familias
  • Martes, 05 Novembro 2013

Un ano máis e a través dos Servizos Sociais e o seu programa de Educación Familiar, o Concello de Cabanas porá en marcha unha nova edición de “Tempo de Familias. Compartindo Experiencias”. A primeira das sesións desta actividade terá lugar este mesmo xoves, 7 de novembro e a mesma está dirixido a familias con bebes e nenos e nenas con ata cinco anos de idade. O lugar escollido para esta será o Antigo Concello de Cabanas, ás 17:00 horas. Posteriormente levaranse a cabo o resto de sesións cunha periodicidade quincenal ate o remate do curso escolar.

Con esta actividade búscase sobre todo asesorar ás familias e responder as súas dúbidas, facendo entender que os primeiros anos son fundamentais na formación da persoa e a importancia de facer unha estimulación axeitada en cada unha das fases do crecemento. Nas diferentes sesións que se realizarán ó longo do curso, ofreceráselles ás familias ideas, recursos e ferramentas que sirvan para dar apoio e reforzar ás persoas que se ocupan da crianza dos nenos e nenas.

Aquelas persoas que estivesen interesadas en participar neste programa inda teñen tempo de formalizar a súa inscrición ou recadar máis información. Para iso non teñen máis que poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Cabanas no teléfono 981 49 59 59 extensión 2.

Teatro en Cabanas
  • Xoves, 17 Outubro 2013

O Salón de Plenos do Concello de Cabanas será o escenario que acolla este próximo venres a actuación do grupo teatral “A Pombiña” de Pedroso, Narón. A hora á que está previsto que se inicie a actuación será ás 20:30 horas, tendo esta unha duración aproximada de 70 minutos e sendo a entrada ó espectáculo gratuíta.

A obra que se vai representar leva por título “Os anos non perdoan”. Nela trátase a historia de Lola, unha muller de idade avanzada, que non acepta o paso dos anos. Síntese incomprendida pola súa familia e decidir rematar coa súa vida. Cando chega ó Ceo, dáse de conta de que os problemas inda non remataron.

Actividades no curso 2013-2014
  • Xoves, 29 Agosto 2013

O Concello de Cabanas a través da súa Concellería de Cultura e Deportes xa está a traballar no programa de actividades para o vindeiro curso 2013-2014. Como todos os anos, o consistorio municipal ofertará á súa veciñanza un amplo programa con actividades tanto dirixidas a un público adulto como infantil e cunha gran variedade cultural e deportiva. O prazo de inscrición para poder tomar parte nas mesmas dará comezo este próximo luns, 2 de setembro e rematará o venres 20 de setembro. As clases empezarán pola súa parte a principios do mes de outubro.

A Concellería de Cultura e Deportes traballou para conseguir ofertar un variado programa que poida satisfacer as inquedanzas de todos os veciños. Desta forma manterase na súa totalidade o ofertado o ano pasado con algunha incorporación. Dentro das actividades deportivas ofertarase por tanto ximnasia terapéutica e de mantemento, aerobic, psicomotricidade, predeporte, multideporte, fútbol sala, pilates, ioga, tenis, padel e judo. Como novidades neste apartado ofertaranse clases de taichi terapéutico e zumba.

No tocante ás actividades culturais, o programa ofertado contempla cursos de pintura, bolillos, bordado, bailes de salón, inglés, manualidades e corte e confección. Tamén continuará funcionando un ano máis a Escola Municipal de Música, dentro da cal se ofertaran os cursos de iniciación á música, linguaxe musical, piano, guitarra, violonchelo e coro.

Quen desexe obter máis información acerca destas actividades ou facer a inscrición nas mesmas, poderao facer no Departamento de Cultura e Deportes de Cabanas, ben telefonicamente no 981 49 59 59 o por correo electrónico á dirección cultura@cabanas.dicoruna.es.

Folla de inscrción na Escola de Música Municipal

Folla de domiciliación bancaria para Escola de Música Municipal

Folla de inscrición para as actividades de nenos e rapaces

Folla de inscrición para as actividades de adultos

Folla de inscrición para piragüismo

Folla de domiciliación bancaria para as actividades

Horario orientativo de actividades de nenos e rapaces

Horario orientativo de actividades de adultos

Páxinas